Friday 03 de May de 2024

Antonio Pérez recrea o Dolmen de Axeitos en 33 obras inspiradas no estilo dos grandes artistas da humanidade e de Riveira


Moito público na apertura dunha mostra aberta ata o 1 de setembro

Decenas de veciños non se quixeron perder na tarde de onte a inauguración da nova exposición de Antonio Pérez que, baixo o título “Homenaxe ao Dolmen de Axeitos”, recrea este monumento megalítico ao xeito de numerosos mestres da pintura e de consagrados artistas locais.

En total son 33 as obras que compoñen esta mostra que se poderá contemplar no Centro Cultural Lustres Rivas ata o vindeiro 1 de setembro. No acto inaugural interviñeron a concelleira de Cultura Herminia Pouso, a deputada provincial Ánxela Franco, o escritor e historiador Antonio Piñeiro e por suposto o propio autor.

Entre os numerosos asistentes, moitos colegas de Antonio como Maralla, Xoán Fernández, Manuel Ayaso ou Crusat: catro artistas que lle serviron precisamente ao autor como fonte de inspiración para outros tantos cadros, xunto a outros grandes creadores como Matisse, Monet, Picasso, Goya Dalí, Van Gogh, Pollock, Gauguin ou mesmo Castelao e Valle-Inclán.

Antonio Pérez foi definido por Antonio Piñeiro como o “cronista plástico de Riveira” en tanto que Herminia Pouso resaltou as cualidades innovadoras do autor. Tamén interveu Ánxela Franco posto que a Deputación da Coruña foi a encargada de publicar un catálogo a toda cor que contén as obras obxecto desta exposición.

Pola súa parte, Antonio Pérez explicou no seu discurso como foi xurdindo a idea desta exposición dende que empezou coa obra baseada na atmosfera de Valle-Inclán. Así mesmo, manifestou que vai doar un dos cadros ao Concello de Riveira e outro á Deputación, ademais de regalar a Maralla, Fernández, Ayaso e Crusat as creacións inspiradas nos seus respectivos estilos.

A mostra pode ser visitada de luns a venres de 10 a 14 e de 19 a 21 horas e os sábados de 11 a 14 e de 19 a 21 horas.